Persoal investigador integrado


Carlos Paulo Martínez Pereiro

Catedrático de Universidade
881011729

Carlos Paulo Martínez Pereiro (Mera de Oleiros, A Coruña, 1955), Profesor Catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa do Departamento de Letras da Universidade da Coruña, en 1978, licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa e en Filoloxía Hispánica, e doutorouse en Estudos Portugueses (1990) pola Universidade de Santiago de Compostela, con tese sobre a obra vangardista, narrativa e pictórica, de Almada Negreiros: A obra literária de José de Almada Negreiros – Análise e valorização da sua narrativa.

Investigador Integrado no Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) da UDC, onde dirixe a liña de Pesquisa ‘Interartes’, é, desde 2012, investigador colaborador do Grupo de Investigacão 3 — Literatura e Cultura Brasileiras do Centro de Literaturas e Culturas Lusófonas e Europeias (CLEPUL) da Universidade de Lisboa, así como, desde 2014, do Grupo de Estudios Literarios Brasileños Avanzados (ELBA), da Universidad de Salamanca. Desde 2017, é Investigador do proxecto do CLEPUL Artistas Letrados – Letrados Artistas. Relações entre literatura e artes plásticas na contemporaneidade brasileira (AL-LA).

Traballa no campo da literatura medieval galego-portuguesa e, en paralelo, no campo das literaturas contemporáneas e das relacións transitivas entre a escrita e as diferentes artes plásticas, nas literaturas brasileira, galega e portuguesa. Investigador Principal de varios proxectos de investigación competitivos e orientador de diversas teses de doutoramento, é editor de textos de diferentes períodos dos ámbitos literarios en galego e en portugués, así como autor de artigos en revistas especializadas e de numerosas intervencións en congresos, coloquios e outros eventos científicos.

Como resultado do seu labor de investigación, que mereceu diferentes premios e distincións, publicou, entre outros, os libros monográficos As cantigas de Fernan Paez de Tamalancos. Edición crítica (1992), Au sujet des chevaux in-existants (1992 / Premio de Investigación ‘Xunta de Galicia’), Natura das Animalhas. Bestiario medieval da lírica profana galego-portuguesa (1996), A pintura nas palavras – A Engomadeira de Almada Negreiros: Uma novela em chave plástica (1996), Hospital das Letras. Intervencións e ensaios literarios (1997), Razões de fogo, versos fabricados (Sonetos portugueses dos séculos XVI, XVII e XVIII) (1999), A indócil liberdade de nomear. Por volta da interpretatio nominis na literatura trovadoresca (2000 / Premio de Ensaio ‘Espiral Maior’), Querer crer entrever. Expresións críticas de reflexión e leitura (2007 / finalista do Premio de Ensaio da AELG), Camilo Castelo Branco. As duas comédias do Morgado de Fafe (2008) ou A man que caligrafando pensa. Do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana (2010 / finalista do Premio de Ensaio da AELG), así como, en coautoría con Alva Teixeiro, Machado de Assis e a mundana comédia. Cinco peças teatrais (2017).

Alén de diferentes cargos de dirección e representación en institucións universitarias e científicas, entre 1997 e 2017, foi Coordenador Científico e Editorial das Publicacións da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, así como Director da Serie Branca (Outras Literaturas Teatrais) e da Serie Gris (Pensamento e Estética).

  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses
  • Outros méritos