Persoal investigador integrado


Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes

Titular de Universidade
881014709

Carlos Caetano Biscainho Fernandes (A Coruña 1968), doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa, é profesor titular na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, onde coordina desde 2023 o Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

As principais áreas de investigación son a edición filolóxica de textos dramáticos recuperados; a relación entre literatura e representación; os estudos culturais aplicados ao teatro galego desde 1882; o papel que desempeñou a actividade dramática na emerxencia cultural galega desde o final do século XIX, e as relacións entre o sistema teatral galego e os seus homólogos ibéricos ou dos países de lingua portuguesa. Neste sentido, ten traballado en diversos proxectos de investigación ligados á recuperación do patrimonio teatral galego, sendo IP do último da serie: Recuperación do patrimonio teatral galego 4 (1936-1973): emigración, exilio e resistencia interior.

É coordinador científico da Biblioteca-Arquivo "Francisco Pillado Mayor" da Universidade da Coruña, dentro da cal dirixe a Serie Azul das súas publicacións (Literatura teatral galega). Coordina igualmente o Observatorio do Teatro Galego, nado dun convenio entre a UDC e a Academia Galega de Teatro, da que é membro desde 2018 (incorporado á súa directiva desde 2020).

Autor das monografías Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas (2017), Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego (2008), A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral (2007) e Conformando o brinquedo. Reflexións á volta da preparación do actor (2004), foi tamén responsábel da edición de volumes especializados como Palcos e(n) ditadura. Perspectivas ibéricas a partir do teatro galego (2025), en colaboración con Diego Rivadulla Costa; Elsinor no Finis Terrae. Estudos transversais sobre teatro galego (2022), ou Deseñando horizontes. Situación actual, orixe e planificación do futuro do teatro galego (2022), con Carlos Lorenzo, Francisco Oti e Dolores Vilavedra. Alén diso, ten publicado edicións críticas de textos dramáticos recuperados, dúas decenas de capítulos de libros e outros tantos artigos que viron a luz en revistas especializadas de oito países en cinco linguas diferentes.

En 2023 participou como colaborador internacional coa Axencia Portuguesa de Calidade do Ensino Superior A3ES na avaliación de cursos universitarios na área das artes performativas.

Curador de exposilcións sobre a actividade teatral na Galiza, en 2016 foi galardoado co XXI Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística

 

  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses
  • Outros méritos