Actualidade


Intervención de Carlos Paulo Martínez Pereiro no III Congresso de Literatura Brasileira
Decembro 2022
Universidade de Salamanca

O profesor Martínez Pereiro, membro de ILLA, ditou a conferencia plenaria "O perpetuum mobile da Máquina do Mundo nas recentes práticas interartísticas brasileiras (Claros enigmas e escuros sentidos)".


Carlos Paulo Martínez Pereiro disertou o pasado día 14 sobre o motivo literario-cultural da Máquina do Mundo que, sobre as raíces renacentistas dun Dante e dun Camões, adquiriu centralidade en ámbito auriverde co poema "A Máquina do Mundo" de Carlos Dummond de Andrade. Xa no actual milenio, alén de aproximarse á epopea xoco-seria por mares nunca dantes (2000) de Geraldo Carneiro, inter alia, foron abordados diversos creadores que entenderon a música silenciosa das escépticas esferas drummondianas, reformulando a mundana máquina en parámetros medioambientais e quántico-matemáticos. Reformulación interpretada na obra de artistas letrados e letrados artistas que practicaron o salutar e humanísimo diktat de Samuel Beckett de ‘fracasar e, tentándoo repetidamente, fracasar, máis e mellor’: creadores como Haroldo de Campos, con "A máquina do mundo repensada" (2000), Marco Lucchesi, con "A quarta parede" de Alma Venus (2000) —con versión definitiva en Alma Venus (Temporais) de 2008 —, Laura Vinci, coa escultura-instalación "A máquina do mundo" (2004) —e con diversas ‘réplicas’ en dramatizacións, instalacións e exposicións posteriores, en 2005, 2007 y 2010—, ou Nuno Ramos, coa obra fotográfico-poética Junco (2011).

O III Congresso Internacional de Literatura Brasileira está organizado polo Centro de Estudos Brasileiros da Universidade de Salamanca e a Academia Brasileira de Letras. 

 

Imaxe: instalación de Laura Vinci "Máquina do Mundo" (Siena 2004).