Persoal investigador integrado


Manuel Ferreiro Fernández

Catedrático de Universidade
881011728

Manuel Ferreiro (Saavedra, 1955) é licenciado (1978) e doutor (1990) en Filoloxía Hispánica (subsección: Galego-Portugués) pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña.

A súa actividade investigadora abala entre a Lingüística Histórica e mais a Ecdótica e a Crítica Textual: os dous volumes da Gramática Histórica Galega (1995-1997) inscríbense na primeira liña de investigación; co segundo núcleo de pesquisa están relacionados os traballos que teñen como obxecto o estudo e a edición de textos medievais, nomeadamente dos textos trobadorescos galego-portugueses, con participación e dirección de proxectos de investigación e coa publicación de diversos contributos e artigos especializados en revistas e libros colectivos, e mais monografías como As cantigas de Rodrigu’Eanes de Vasconcelos ou O Cancioneiro de Pero Mafaldo.

A figura e da obra de Eduardo Pondal nuclea outro centro de interese investigador no ámbito da Crítica Textual e do estudo da lingua literaria pondaliana, coa publicación de múltiplos estudos, nomeadamente os catro volumes da súa obra completa (1995-2005) e numerosos traballos e monografías sobre o poeta: De Breogán aos Pinos. O texto do Himno Galego, 1996, 1ª ed.; O Himno Galego. Documentos históricos (1890-1907); Eduardo Pondal, o cantor do eido noso (2017); Estes son os eidos amigos. Escolma xeográfica da poesía pondaliana (2017).

En 2006 gañou o XVII Premio de Investigación “Losada Diéguez” 2006 pola edición d’Os Eoas pondalianos, e en 2014 foille concedido o IX Premio de Investigación 'Concepción Arenal' de Humanidades 2014 polo proxecto Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa (www.glossa.gal).

 

  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses
  • Outros méritos