ESTUDOS GALEGO-BRASILEIROS
Presentación

Os estudos galego-brasileiros iniciaron a súa andaina en 2003, a partir dun proxecto de colaboración aprobado polo Ministerio de Asuntos Exteriores, dentro do Programa Hispano-Brasileiro de Cooperación Interuniversitaria, que permitiu celebrar en Rio de Janeiro, entre xuño e xullo, no Instituto de Letras da Universidade Estadual do Rio de Janeiro, o I Seminário Internacional de Estudos Galego-Brasileiros, que tivo continuidade no II Seminario, celebrado na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, en novembro de 2004. Nesta primeira edición, os profesores coordinadores foron Francisco Salinas Portugal (UDC) e Mª do Amparo Tavares Maleval (UERJ).

O convenio tivo continuidade en 2008, cando se celebrou o III Seminário, en Rio de Janeiro, baixo a coordinación de Laura Tato Fontaíña (UDC) e Mª do Amparo Tavares Maleval (UERJ), apoiados, de novo, polo MEC español e o CAPES-MEC do Brasil. Ademais dos seminarios e publicacións, este proxecto de colaboración permitiu a estadía de profesores brasileiros na UDC que impartiron cursos e palestras (Profs. João César de Castro Rocha, José Castro de Azeredo, Mª do Amparo Tavares Maleval ...) para alén das daqueles que estiveron na UDC realizando estadías de investigación pre- e posdoutorais (Josias A. Duarte, Cláudia Maria Amorim, Delia Cambeiro ...).