Tese de doutoramento
Manuel María: poesía, traballo lingüístico e traballo cultural
Esta tese de doutoramento analiza en profundidade a obra poética de Manuel María Fernández Teixeiro (1930), con especial dedicación aos aspectos lingüísticos.
Para encadrar tanto a obra como o poeta no contexto da poesía galega, o autor inicia este traballo ofrecendo un panorama xeral dos grupos xeracionais, as escolas, tendencias e coleccións poéticas da segunda metade do século XX, e facilita unha serie de estatísticas sobre os 740 poemarios publicados entre 1936 e 1990 que lle permiten chegar a propostas e conclusións que modifican a actual historiografía literaria galega.
O estudo da obra poética (máis de corenta libros) de Manuel Maria está realizado a partir dunha dobre clasificación, cronolóxica e temática; á que se suma a análise crítico-literaria de cada libro e se engade, como apéndice, o estudo detallado dos aspectos métricos. Ao estudo do corpus poético de temática sociolingüística dedícaselle un capítulo á parte e un apéndice en que se catalogan todos os poemas que tocan esa temática.
O feito de que un escritor optase durante a dictadura franquista pola lingua galega, fronte á española, significaba adoptar unha determinada posición ideolóxica, por tanto, o autor desta tese ofrece un amplo Anexo en que se detalla a actividade cultural do poeta, achegando así un retrato sociocultural e político de Galicia na segunda metade do século XX.