Persoal investigador integrado


Isaac Lourido Hermida

Contratado Interino de Substitución
881014762

Isaac Lourido é licenciado en Filoloxía Hispánica (2004) e en Filoloxía Galega (2007) pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada (2011) pola mesma universidade.

Exerceu tarefas de investigación como bolseiro no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e no Consello da Cultura Galega. Após ser contratado como docente e investigador no Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Universidade de Santiago de Compostela e de ser Lector do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa, na actualidade traballa como Profesor Interino de Substitución no Departamento de Letras da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.

A súa actividade investigadora céntrase na Teoría da Literatura e a Literatura Comparada, ben como na Teoría e Metodoloxía da Historia Literaria, as Metodoloxías Sistémicas e a Socioloxía da Literatura. Na actualidade, os seus intereses de investigación encóntranse nos procesos de conflito e a conformación das identidades nos dominios literario e sociocultural, nomeadamente na poesía como ferramenta de intervención social. Entre as súas publicacións destacan os volumes História literária e conflito cultura. Bases para umha história sistémica da literatura na Galiza (2014) –vencedor do XX Prémio de Investigação Linguística e Literária Ricardo Carvalho Calero–, Livros que nom lê ninguém. Poesia, movimentos sociais e antagonismo político na Galiza (2014), La poesía actual en el espacio público (2015), coeditado con Alba Cid, e Non-Lyric Discourses in Contemporary Poetry (2012), coeditado con Burghard Baltrusch. Asemade, publicou artigos en revistas como DornaAgália, Galerna ou Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies, entre outras, alén de participar en diversos libros colectivos.

Participou en diversos proxectos de investigación sobre historiografía literaria e poesía contemporánea, sendo investigador principal do proxecto A traxectoria intelectual de Xosé Rubia Barcia, financiado pola Deputación da Coruña.

Ofreceu conferencias e comunicacións en múltiples encontros científicos, para alén de integrar a organización do I Congreso Internacional sobre Discursos Non Líricos na Poesía Contemporánea: Espazos, Suxeitos, Medialidade na Universidade de Vigo (2011) e do II Simposio Internacional Poetics of Resistance: Prácticas, Repertorios, Estratexias na Universidade de Santiago de Compostela (2009).

Formou parte da equipa do proxecto de innovación educativa “Apoio virtual e autoaprendizaxe na materia troncal Teoría da literatura” na Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade é membro do Grupo de Innovación Docente en Literatura Galega da Universidade da Coruña.

  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses
  • Outros méritos