Actualidade


Publicación de 'Palcos (e)n ditadura'
Decembro 2025

O volume, publicado por Peter Lang, foi editado por Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes e Diego Rivadulla Costa, membros de ILLA.


Palcos e(n) ditadura é un volume derivado do proxecto de investigación 'Recuperación do patrimonio teatral de Galiza 4 (1936-1973)'. O libro é un compendio de traballos en que se revisan as historiografías dramáticas ibéricas dos períodos ditatoriais de mediados do século XX, co fin de encher os vacíos aínda identificábeis.
 
Así, especialistas na análise dramática e na investigación das artes performativas da centuria pasada focan a escrita e as prácticas escénicas dese período quer na península, quer no exilio e na emigración. Desde unha perspectiva ibérica comparatista que toma o galego como punto de partida, reúnense investigacións que oferecen lecturas renovadas sobre os diferentes sistemas teatrais peninsulares.
 
Os traballos analizan obras que non tiñan recibido a atención crítica que merecían, densifican os estudos sobre a censura teatral, superan visións reducionistas do perfil dalgúns creadores para reivindicar a modernidade das súas prácticas, estudan os arquivos dos exiliados apontando títulos e autorías, salientan a relevancia do teatro importado durante ese período ou recoñecen a centralidade de dramaturgas marxinadas polo marco androcéntrico.
 
Ademais dos seus coordinadores, colaboran no volume Ana Acuña, Sebastiana Fadda, Enric Gallen, Idoia Gereñu, Teresa López, tamén membro de ILLA, e Diego Sánchez Santos, entre outras persoas.