Actualidade
A profesora e membro de ILLA, Leticia Eirín, vén de editar este volume colectivo sobre o universo das cantigas
O volume En este son un cantar farei. Estudos sobre o universo das cantigas, editado pola profesora Leticia Eirín e publicado en aberto pola prestixiosa editora Iberoamericana-Vervuert, recolle once traballos que presentan aproximacións recentes ao estudo das cantigas medievais galego-portuguesas, e nomeadamente das pertencentes ao xénero de amigo.Trátase dun volume estreitamente ligado ao proxecto de investigación Universo Cantigas, no marco do cal se insire e co que comparte o obxectivo de afondar na análise, difusión e posta en valor deste extraordinario patrimonio literario. Nas súas páxinas fócanse aspectos tan fundamentais como as peculiaridades da transmisión manuscrita e codicolóxica das cantigas, a xenealoxía dos trobadores, a edición crítica dos textos, alén da revisión de proxectos en curso —como o propio Universo Cantigas— ou de relecturas poéticas que se fixeron e fan do xénero de amigo nas poesías galega, portuguesa e brasileira contemporáneas.
Os estudos que integran o volume son obra de doce especialistas procedentes dos ámbitos galego, portugués e italiano, entre os que se atopan os membros de ILLA Manuel Ferreiro, Teresa López e a propia Leticia Eirín
Todos eles contribúen, desde o rigor filolóxico e tamén histórico, a ampliar este campo de investigación, coa esperanza de abrir novos diálogos e percursos que engrandezan o xa vizoso ámbito do universo das cantigas galego-portuguesas.
[Ligazón]

