Actualidade


Arredor de Ruth M. Anderson: Kathleen March en conversa con Pilar García Negro
8 de xuño de 2022, 19:30 h
NORMAL. Espazo de intervención cultural, Paseo de Ronda 47

ILLA colabora na organización desta actividade.


Entre os anos 1924 e 1926 Ruth Matilda Anderson viaxa dúas veces por Galiza por encargo da Hispanic Society of America para realizar unha reportaxe fotográfica. Nestas viaxes tira case 8.000 fotografías, algunhas delas aínda inéditas. Mais Anderson foi tamén autora dun volume, Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña (1939), editado pola HSA, que achega novas perspectivas ao ollar de Ruth Matilda Anderson sobre Galiza.


Kathleen March é profesora emérita da University of Maine, Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior e unha destacada tradutora e estudiosa da literatura galega contemporánea. Dentro dos seus numerosos traballos dedicou atención ás viaxeiras inglesas e norteamericanas por Galiza. 


Pilar García Negro é profesora honoraria da UDC e membro de ILLA. Destacada rosalianista, prestou tamén atención á didáctica da lingua e da literatura galega, á conexión lingua-lexislación e á edición e recuperación dos clásicos contemporáneos da literatura galega.

 

No ámbito da exposición Cabria para NORMAL de Diego Vites –que inclúe unha fotografía de Ruth M. Anderson– ambas dialogarán arredor da obra da fotógrafa, estudiosa e escritora norteamericana.