Actualidade


Presentación de 'Intenso e solidario feminismo. Estudos rosalianos' de Pilar García Negro
2 de novembro de 2023, 19:30 h
Cubo de Normal (Paseo de ronda 47)

O volume foi editado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, membro de ILLA.


Por encomenda do grupo ILLA, a profesora Fernández Pérez-Sanjulián preparou Intenso e solidario feminismo. Estudos rosalianos como un recoñecemento colectivo á condición de destacada rosalianista de Pilar García Negro, profesora honoraria da UDC e membro de ILLA.

O libro reúne unha antoloxía de estudos publicados pola profª García Negro ao longo dun amplo período temporal, entre 1980 e 2022, desde os inicios do seu labor investigador e publicístico até a actualidade, xa consolidada como autora de estudos de referencia no rosalianismo. A compilación está introducida por un limiar da editora e conta cun epílogo da profª Kathleen March.

Intenso e solidario feminismo recolle quince traballos (dez artigos e cinco capítulos de libro) de entre o amplo conxunto da produción que Pilar García Negro dedicou a Rosalía de Castro, ademais da súa bibliografía rosaliana. Os quince textos foron seleccionados por seren representativos dos núcleos de interese da súa autora mais tamén, na súa maior parte, de difícil acceso para o público xeral a día de hoxe: nuns casos por seren artigos antigos, publicados no seu día en soportes que informais ou en libros xa descatalogados; noutros, por estaren incluídos en publicacións de tipo académico, non sempre de acceso aberto e, por tanto, dificilmente accesíbeis para o público xeral.

A presentación do libro será o día 2 de novembro ás 19:30 h no Cubo de Normal (Paseo de ronda 47) e contará coa participación de Cristina López Villar, Vicerreitora de Cultura, Igualdade e Deporte, Nieves Pena Sueiro, directora do Servizo de Publicacións, Carme Fernández Pérez Sanjulián e Pilar García Negro. O acto está aberto a todas as persoas interesadas en asistiren.