Actualidade


Pasamento da Profª Drª Maria do Amparo Tavares Maleval
Xaneiro 2021

A profesora Maleval, referencia dos estudos galegos no Brasil, faleceu a causa da COVID-19.


Con inmenso pesar, o grupo ILLA comunica a triste noticia do pasamento da nosa benquerida colega Maria do Amparo Tavares Maleval, profesora reformada da UERJ e da UFF.

Doutorada en Letras pola Universidade de São Paulo, a profª Maleval destacou como unha das referencias do medievalismo brasileiro, ámbito no que publicou traballos sobre Fernão Lopes, o teatro, a temática xacobea ou a lírica trobadoresca. Nos últimos anos as súas investigacións focaran principalmente as actualizacións da Idade Media nas literaturas galega, portuguesa e brasileira.

Amparo foi unha decidida activista en favor da extensión dos estudos galegos na academia brasileira, sendo responsábel pola creación do Núcleo de Estudos Galegos na UFF e do programa en Estudos Galegos e o lectorado de Galego da UERJ. Baixo a súa coordenación foron organizadas innúmeras actividades de difusión da cultura, a literatura e a lingua galega nestas dúas universidades e sob a súa supervisión foron desenvolvidos múltiples traballos de investigación sobre as nosas letras. 

O grupo ILLA mantiña unha especial relación coa profesora Maleval. Nos anos 2002 e 2003, no marco do programa hispano-brasileiro financiado conxuntamente polo Ministerio de Educación e Ciencia e polo CAPES, puxemos en marcha o proxecto 'Emerxencia lingüística e literaria na Galiza e no Brasil' –coordenado da parte galega polo prof. Francisco Salinas– e nos anos 2007 e 2008 esta colaboración continuou con 'Os procesos de emerxencia lingüística e literaria nos espazos galego e brasileiro. Perspectiva comparada' –coordenado na UDC pola profª Laura Tato. Resultados desta cooperación foron unha amizade académica que perdurou no tempo, a celebración de varias reunións científicas, o intercambio de investigadores/as e a publicación dos catro volumes de Estudos galego-brasileiros.

Que a terra lle sexa leve.

Máis información sobre o curriculum académico da profª Maleval: http://lattes.cnpq.br/9976056269310975