Actualidade


Novo número da 'Revista Galega de Filoloxía'
Decembro 2020

Xa está disponíbel no repositorio de revistas electrónicas da UDC o número 21 desta publicación periódica xestionada polo grupo ILLA.


Esta cabeceira académica, nada no ano 2000, conságrase á publicación de traballos de investigación que desenvolveren algún aspecto lingüístico ou filolóxico do ámbito galego-portugués, como tamén á promoción e ao coñecemento da lingua no seo da sociedade.

Na actualidade, a dirección é responsabilidade de Xosé Manuel Sánchez Rei, sendo subdirector Xoán López Viñas e secretaria Estefanía Mosquera Castro.

No número son publicados artigos de Mariña Arbor Aldea, Luís López Alonso, Eduardo Louredo Rodríguez, Stephen Parkinson, Alexandre Peres Vigo e José Teixeira, que iluminan aspectos da historia do Cancioneiro da Ajuda, do neofalantismo, da métrica acentual na cantiga de amigo, dos estereotipos antigalegos e dos proverbios sobre o viño, respectivamente.

O exemplar está disponíbel para consulta e descarga en https://revistas.udc.es/index.php/rgf/

As persoas interesadas en realizaren envíos para o número 22 poden ler as instrucións para autores e autoras en: https://revistas.udc.es/index.php/rgf/about/submissions