Actualidade


Sobresaliente cum laude para a tese de Ánxela Lema París
Facultade de Filoloxía (UDC)

A tese, con mención internacional, foi dirixida en réxime de cotutela polas profesoras Carme Fernández Pérez-Sanjulián (UDC, membro de ILLA) e Marta Segarra Montaner (Université Paris 8).


A investigación, titulada Deconstruír o erotismo poético desde as non monogamias. Estudo e relectura da poesía erótica galega e da súa recepción crítica na primeira década do século XXI, tiña como obxectivo estudar a influencia do sistema monógamo, en canto concepto ideolóxico, no proceso de lectura da poesía erótica galega contemporánea publicada de 2000 a 2010. Entre as principais conclusións do traballo destaca que a deconstrución da ollada lectora e a adopción dunha óptica non-monógama permite decodificar unha grande cantidade de mensaxes do máis diverso e transgresor que se están a perder por causa do pensamento hexemónico.

O tribunal que xulgou a tese estivo composto por Laura Tato Fontaíña (Universidade da Coruña), Brice Chamouleau (Université Paris 8 Vincennes-Saint Denis) e Helena González Fernández (Universitat de Barcelona).

Desde ILLA queremos enviar os nosos máis cordiais parabéns á nova doutora.