Actualidade


Celebrada a mesa redonda "A poesía de Carvalho Calero e Xela Arias: unha aproximación"
5 de maio de 2021
Salón de graos da Facultade de Filoloxía

No evento participaron o profesor Isaac Lourido, membro de ILLA, e a poeta Emma Pedreira.


A discusión, moderada por Xosé Ramón Freixeiro Mato, centrou as traxectorias poéticas do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas en 2020 e da autora celebrada no presente 2021. Esta perspectiva foi adoptada de acordo coa decisión da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, organizadora da mesa redonda, de prorrogar a conmemoración da figura de Ricardo Carvalho Calero debido ás atípicas circunstancias do último ano.

En primeiro lugar, Emma Pedreira ofreceu unha minuciosa explicación sobre a singular traxectoria de Arias, en diálogo coas súas fotografías, mentres que, en segundo lugar, Isaac Lourido expuxo as principais liñas temáticas da dilatada produción poética do autor ferrolán. Após ambas as intervencións, varias das persoas asistentes ao acto colocaron preguntas e reflexións sobre os temas tratados. Finalmente, o moderador do acto emprazou o público a continuar a celebración das Letras Galegas na maratona de lectura de textos de Xela Arias e Ricardo Carvalho Calero, seguida dun concerto da Banda da Loba, que tamén organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade e que terá lugar o 12 de maio no Paraninfo da Universidade da Coruña.