Actualidade
Natalia Cea Rodríguez presentará a palestra "Tecer redes desde a língua. Umha investigaçom qualitativa sobre a identidade linguística e cultural na adolescência".
A través desta palestra, achegarémonos á realidade do galego no sistema educativo actual, sobre o cal múltiples estudos ofrecen un panorama desalentador que evidencia un preocupante descenso do número de falantes, especialmente na infancia e na adolescencia.
Na súa investigación, Natalia Cea Rodríguez procura coñecer a narrativa, o enfoque e a historia persoal dun grupo de rapazas e rapaces que están a construír a súa identidade desde unha base cultural e lingüística moi concreta e diferente do que se entende como ordinario. Así mesmo, repara na existencia, ou na falta, de conflitos á hora de desenvolverse dentro da rede pública de ensino na Galiza e de convivir con ideoloxías e políticas lingüísticas diversas, así como cos códigos e xerarquías do propio instituto.
Natalia Cea Rodríguez é graduada en Educación Infantil pola Universidade da Coruña onde, posteriormente, realizou o Mestrado en Psicopedagoxía. Actualmente, é doutoranda no programa de Equidade e Innovación en Educación (UDC), continuando coa liña de investigación que iniciou no TFG e no TFM. Ademais, colabora coas Escolas de Ensino Galego desde hai xa algúns anos, onde desenvolve actualmente a labor de Coordinadora Pedagóxica e Lingüística.