Actualidade
Membros de ILLA participan no vídeo tributo ao profesor da USC.
Co título de ‘Mestre Zé Luis’ está dispoñíbel na plataforma YouTube o vídeo en homenaxe a José Luís Rodriguez, Catedrático xubilado de Filoloxías Galega e Portuguesa na universidade compostelá, promovido polos e polas docentes da área de Portugués desa institución, Carlos Quiroga, Carmen Villarino, Elias Feijó Torres, Felisa Rodriguez Prado, Isabel Morám, José António Souto e José Luís Forneiro.
A gravación constitúe un emotivo percurso pola traxectoria académica do prof. Rodriguez que dá testemuño da profunda pegada que a súa personalidade, o seu maxisterio docente e os seus contributos científicos deixaron en varias xeracións de estudantes e colegas universitarios.
Referencia inescusábel nos estudos medievais galego-portugueses, con obras imprescindíbeis como a súa edición do cancioneiro de Joan Airas, contribuíu de forma igualmente relevante ao estudo da historia da lingua e ao das relacións entre Galiza e a lusofonía.
ILLA está presente neste recoñecemento nas voces e nos rostros de Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro, Teresa López e Xosé Manuel Sánchez Rei, que recollen o testemuño de admiración e a profunda débeda intelectual que os membros de ILLA temos co mestre lucense radicado en Compostela. No vídeo, que convidamos cordialmente a ver, participa profesorado de universidades españolas, portuguesas e brasileiras, ben como unha mostra representativa do seu alumnado en décadas de docencia nas aulas universitarias.
Parabéns ao noso admirado profesor e benquerido amigo.