Actualidade


A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Universidade da Coruña asinan un protocolo de colaboración
22 de abril de 2021
A Coruña

Mediante este protocolo, a ACAB e a UDC formalizan un acordo para daren cobertura ás actividades conxuntas entre a agrupación cultural coruñesa e o grupo ILLA.


O documento asinado recolle a previsión de diversas actividades científicas e culturais por parte de ambas as entidades, entre as cales destacan o intercambio de materiais bibliográficos, os eventos de difusión da actividade científica e cultural e a realización de actividades de formación por parte do profesorado adscrito ao grupo ILLA. O convenio ten unha duración de catro anos, a máxima permitida pola Universidade da Coruña, e poderá ser renovado por iniciativa de calquera das partes.

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, fundada no ano 1976, ten como obxectivos prioritarios a promoción e defensa da lingua e da cultura galegas, ben como a divulgación da figura e do pensamento do ilustre nacionalista que dá nome á entidade. A agrupación leva a cabo un intenso traballo sociocultural que asenta na proxección da lingua, literatura e cultura galegas, nun obradoiro de teatro, nun obradoiro de xadrez, na defensa dos dereitos das mulleres, na publicación dos números da “Biblioteca Alexandre Bóveda”, nas exposicións, na colaboración con diversos colectivos e , ao mesmo tempo, no constante traballo de investigación con temas como o nacemento e a repercusión das Irmandades da Fala, a recuperación e divulgación do patrimonio toponímico galego ou a interacción da lingua cos avanzos tecnolóxicos. A relación do grupo ILLA coa ACAB na forma das actividades que o protocolo inclúe vén xa de longa data, sendo aliás un dos membros do grupo, Xosé Manuel Sánchez Rei, expresidente e actual vicepresidente da entidade.