Actualidade


Presentación do libro "Beyond sentidiño:New Diasporic Reflections on Galician Culture"
4 de decembro de 2024, 13.00 h.
Salón de Graos da Facultade de Filoloxía

O evento estará presentado pola profesora Ánxela Lema, membro de ILLA, e contará coa intervención das editoras do volume, Daniel Amarelo e Laura Lesta García.


Este vindeiro mércores, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, terá lugar a presentación do libro Beyond Sentidiño: New Diasporic Reflections on Galician Culture, un volume que reúne ensaios de diversas áreas das humanidades e ciencias sociais co obxectivo de crear un debate con novos conceptos que, até o momento, non forman parte do imaxinario da Galiza: xentrificación, imperialismo lingüístico, desemprego xuvenil, desruralización e desindustrialización, control mediático, tecnocapitalismo e normatividade de xénero e sexual.

 

Baixo a coordinación da doutora Ánxela Lema, membro deste grupo, intervirán as editoras do volume: Daniel Amarelo, estudante de doutoramento en Humanidades e Comunicación na Universidade Oberta de Catalunya, membro da Rede Galega de Estudos Queer (RGEQ) e profesor na EOI da Coruña no Departamento de Portugués; e Laura Lesta García, profesora asistente de Estudos Luso-Hispánicos en Middlebury College (Vermont, EE.UU.). O seu campo de investigación xira arredor da intersección entre o humor e a historia e como isto se materializa nos procesos de formación nacional e identitaria na totalidade da Península Ibérica, mais especialmente na Galiza.