Actualidade
Comeza unha nova edición de 'Aula aberta'
24 de abril de 2024, 19:30 h
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Santo André 36, 1º)
Esta nova edición do ciclo que ILLA organiza coa AC Alexandre Bóveda comezará coa intervención de Marta Seoane Rebollo.
A palestra leva por título "A morte en feminino: análise literaria da recreación teatral do pranto tradicional galego". Nela analizarase o pranto tradicional galego en tres pezas teatrais –A Contenda dos Labradores de Caldelas (1671) de Gabriel Feixoo de Araúxo, Os vellos non deben de namorarse (1941) de Castelao e A noite vai coma un río (1965) de Álvaro Cunqueiro– desde unha dupla perspectiva: antropolóxica –o pranto como medio para racionalizar a dor provocada pola morte dun ser querido– e literaria, partindo das primeiras mostras do pranto na Antigüidade Clásica. Estudarase tamén a súa dimensión teatral, as súas posibilidades de performatividade, para o que se realizará un breve percurso por distintas manifestacións do pranto que contemplan o espectáculo como un elemento estrutural.
Marta Seoane Rebollo (A Coruña,1997) é graduada en Galego-Portugués e Español pola UDC, e realizou tamén os mestrados de Literatura Cultura e Diversidade e de Formación de Profesorado na mesma institución.