Persoal investigador colaborador


Alva Martínez Teixeiro

Alva Martínez Teixeiro (A Coruña, 1982) é, desde 2012, Professora Auxiliar de Literatura e Cultura Brasileiras do Departamento de Literaturas Românicas da Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL) e investigadora integrada no Centro de Literaturas e Culturas Lusófonas e Europeias (CLEPUL) da mesma institución.

É Licenciada en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela (2000-2005), Mestre (2007) e Doutora (2010) en Literatura Brasileira pola Universidade da Coruña, respectivamente, coa disertación O discurso da violência na literatura brasileira contemporânea – O policial carioca: Rubem Fonseca e Luiz Alfredo Garcia-Roza e coa tese de doutoramento A obra literária de Hilda Hilst e a categoria do obsceno – Entre a convenção e a transgressão: o erótico-pornográfico, o social e o espirtitual (Mención Europea e Premio Extraordinario).

Nos anos 2008 e 2009 foi contrada predoutoral na Universidade da Coruña e, desde o curso 2012/2013, imparte tamén docencia de Literatura Brasileira na Licenciatura de Estudos Portugueses da Université Mohammed V (UM5) de Rabat (Marrocos).

Foi bolseira da Fundação Calouste Gulbenkian (Bolsa de Investigação de Cultura Portuguesa para Estrangeiros, 2011), para realizar traballo de investigación sobre a obra literaria de Sophia Andresen, nunha estadía posdoutoral de nove meses na Biblioteca Nacional de Lisboa e no Centro de Estudos Humanísticos (CEHUM) da Universidade do Minho; centro e universidade en que, desde 2013, é investigadora externa do Grupo de Estudos Brasileiros em Portugal (GRES).

O seu labor investigador –cuxos resultados foron divulgados tanto en conferencias, comunicacións e relatorios en diversos eventos científicos canto en artigos de revistas e capítulos de libro en diferentes publicacións especializadas– céntrase, de maneira preferente, na Literatura Brasileira, mais tamén foca a Galega e a Portuguesa, así como aborda as relacións interartes no mundo contemporáneo, especialmente a transitividade entre arte e escrita.

É tamén autora dos libros monográficos Maktub – Da retórica na ficção de Raduan Nassar (2006), A pretensa nostalxia da autoridade – Unha interpretación parcelar d'O porco de pé de Vicente Risco (Premio 'Ramón Piñeiro' de Ensaio, 2007), O herói incómodo – Utopia e pessimismo no teatro de Hilda Hilst (2009) e Nenhum vestígio de impureza – Da necessidade estética na ética e na poética de Sophia de Mello Breyner Andresen (2013), así como, en coautoría con Carlos Paulo Martínez Pereiro, do estudo e edición Machado de Assis e a mundana comédia. Cinco peças teatrais (2017).

En 2013, cos filósofos Dirk-Michael Heinnrich e Giancarlo de Aguiar, do Centro de Filosofia da Universidade de Lisboa, organizou o “I Colóquio Internacional Vicente e Dora Ferreira da Silva”coordinando, tamén, a edición das correspondentes actas no volume Vicente e Dora Ferreira da Silva – Uma vocação poético-filosófica (2015).

En 2014, co ensaio A linha de sombra de uma suspeita lição de zoologia – Do animal e do humano na narrativa de Lygia Fagundes Telles, obtivo o "Prêmio Itamaraty – IV Concurso Internacional de Monografias" do 'Ministério das Relações Exteriores' do Brasil.

Como autora de ficción, ten publicado os relatos «Un domingo amarelo para dentro» (Premio 'Manuel Murguía' de Narracións Breves, 2008) e «Nós três somos de Paris» (2009).

  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses
  • Outros méritos