Persoal investigador colaborador


Pilar García Negro

Titular de Universidade
881011737

Pilar García Negro é profesora titular na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña.

As principais liñas e temas de investigación desenvolvidos ao longo da súa traxectoria investigadora e docente foron os seguintes: 1. Didáctica da lingua e literatura galega. 2. Realización do primeiro traballo universitario referido á conexión lingua-lexislación. Determinar o tratamento iuslingüístico da lingua galega a partir da lexislación preconstitucional e constitucional foi obxecto central da tese de doutoramento, da que derivou o volume O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991). 3. Traballos e publicacións centrados na construción da moderna sociolingüística galega. 4. A investigación focalizada en Rosalía de Castro. Despois de varios traballos e artigos en que se iniciou a composición da vera effigies da autora, a teor da súa produción, abordouse un tratamento máis complexo e completo, referido aos seguintes temas: feminismo, creación do ensaio galego moderno e lectura actualizada da obra poética galega. Esta dedicación deu lugar, en primeiro lugar, á edición de El caballero de las botas azules (1867), acompañada de dous escritos fundamentais anteriores: “Lieders” (1858) e “Las literatas” (1866). En segundo lugar, realizouse o estudo dos prólogos de Cantares gallegos e Follas novas como inicio do xénero ensaístico da literatura galega, así como o seguimento do feminismo, vertebral en toda a produción rosaliana. O estudo destes temas, recollido no libro O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, mereceu o Premio de Ensaio Viente Risco 2010. En terceiro lugar, afondouse na lectura modernizada da obra central da escritora. Dela derivou a publicación de Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro (2013), Premio ao mellor libro de non ficción 2014, concedido pola Asociación Galega de Editores.

A edición crítica e a actualización editorial de autores centrais da literatura galega foi outra das dimensións da dedicación investigadora publicística. Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, Ramón Vilar Ponte, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Ricardo Carvalho Calero, Manuel María, Uxío Novoneyra, Marica Campo… son algúns dos autores estudados e publicados.

  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses
  • Outros méritos