Actualidade


Celebrado o encontro de grupos de investigación do SUG
10 de setembro
Reitoría da UDC

O pasado venres día 6 tivo lugar a xornada de traballo, que contou coa asistencia de representantes dos principais grupos de investigación en Estudos Galegos do SUG.


O encontro promovido por ILLA estaba dirixido aos grupos de investigación do SUG que traballan nos Estudos Galegos, nos ámbitos lingüístico, literario e cultural.

As liñas de investigación e os principais resultados de cada grupo foron presentados por Fernando Cabo Aseguinolaza e Mª do Cebreiro Rábade Villar (grupo de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC), Elias Feijo (grupo GALABRA da USC), Manuel Forcadela, Iolanda Galanes e Ana Luna (grupo BIFEGA da UVigo), Dolores Vilavedra (grupo de Historia da literatura da USC) e Mª Álvarez de la Granja (grupo FILGA da USC). En representación de ILLA interviron Teresa López, coordinadora, e Xoán López Viñas.

No encontro sinalouse como principal problema o relevo xeracional, e constatouse a diversidade en orientacións, características e condicións materiais dos grupos presentes. Igualmente foron mencionados algúns ámbitos que precisan de maior atención por parte da investigación universitaria galega. Tamén foi debatida a pertinencia de contar con novos vehículos de difusión dos resultados de investigación.

A xornada concluíu co acordo na necesidade de manter encontros similares no futuro e de abrilos a outras áreas dos Estudos Galegos, para a promover as sinerxías entre os grupos de investigación do SUG.

Desde o grupo ILLA queremos agradecer moi vivamente a xenerosa acollida á nosa proposta por parte dos grupos da USC e da UVigo.