Actualidade


Seminario sobre Universo Cantigas
3 de abril ás 17 horas
Sala Carvalho Calero (Facultade de Filoloxía)

O próximo mércores 3 de abril o grupo ILLA organiza un seminario arredor de Universo Cantigas (http://universocantigas.gal), proxecto coordinado polo prof. Manuel Ferreiro, catedrático da área de Filoloxías Galega e Portuguesa e membro de ILLA. No transcurso do encontro, coñeceremos as liñas principais do proxecto, o estado actual do traballo e a planificación do seu desenvolvemento.


Este mércores 3 de abril o grupo ILLA organiza un seminario sobre Universo Cantigas, proxecto coordinado polo prof. Manuel Ferreiro e no que participan membros do grupo ILLA e profesorado das universidades de Santiago de Compostela e Vigo. O encontro terá lugar na Sala Carvalho Calero da Facultade de Filoloxía a partir das 17 horas.

Universo Cantigas ten como obxectivo realizar a edición crítica dixital dos textos que integran a lírica profana galego-portuguesa, continuando o traballo levado a cabo para o Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa (http://glossa.gal). Esta edición é elaborada ao abeiro do proxecto de investigación Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. III. Edición crítica dixital das cantigas de amor (ref. FFI2015-63523-P), financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad.
Na primeira fase do proxecto (2016-2018) foi editada a primeira sección do «cancioneiro xeral» galego-portugués –ou «compilação geral», de acordo con António Resende de Oliveira–, constituída, fundamentalmente, por cantigas de amor e que se cerra coa rúbrica que abre o sector de amigo, comprende os textos 1-640 dos manuscritos, que copian un total de 1683 composicións, conforme a catalogación de Jean-Marie d’Heur.