Actualidade


Dicionario de afixos e voces afixadas do galego medieval (Monografía 8 da Revista Galega de Filoloxía)
9 de marzo de 2016
A Coruña

Está a disposición das lectoras e dos lectores a nova obra de Xoán López Viñas, editada en 2015 como Monografía 8 da Revista Galega de Filoloxía.


Xoán López Viñas, profesor da Universidade da Coruña e membro do Grupo ILLA, acaba de publicar, dentro da colección de “Monografías” da Revista Galega de Filoloxía a súa nova obra titulada Dicionario de afixos e voces afixadas do galego medieval.

 

Trátase dunha versión corrixida e ampliada do dicionario contido na segunda parte da tese de doutoramento A formación de palabras no galego medieval: a afixación, que defendeu o profesor Xoán López Viñas na Universidade da Coruña en setembro de 2012.

 

O Dicionario de afixos e voces afixadas do galego medieval constitúe o primeiro repertorio lexical, contextualizado mediante corpus e centrado na sincronía galega medieval, sobre este tipo de morfemas derivativos e os seus correspondentes termos afixados. Non se trata, por tanto, dun dicionario ao uso nin tampouco dun dicionario inverso, pois non se listan os vocábulos segundo a terminación, senón que só se inclúen voces afixadas ordenadas alfabéticamente conforme o afixo, previamente descrito do punto de vista gramatical e semántico.

 

O Dicionario de afixos e voces afixadas do galego medieval convértese nunha nova ferramenta dentro dos estudos lexicográficos da lingüística galego-portuguesa, xa que na actualidade non existe ningún glosario similar centrado nos afixos derivativos, nin para o período actual nin restrinxido a unha sincronía pretérita.