Actualidade


A visión do amor no cancioneiro de Don Denis. Estudo e edición de 33 cantigas de amor
26 de novembro de 2015
A Coruña

Está a disposición das lectoras e dos lectores a nova obra de Leticia Eirín García, editada nestes días de novembro por Edicións Laiovento na colección “Ensaio”.


Leticia Eirín García (, profesora da Universidade da Coruña e membro do Grupo ILLA, vén de publicar en Edicións Laiovento a súa nova obra titulada A visión do amor no cancioneiro de Don Denis. Estudo e edición de 33 cantigas de amor.

 

A autora parte dun corpus textual constituído por trinta e tres cantigas de amor do rei e trobador portugués Don Denis (1261-1325), que recollen de modo explícito o motivo da visión da dama, tópico xa presente na literatura desde a Antigüidade Clásica. A través dos textos, Leticia Eirín García vai trazando unha análise desde a perspectiva da visión e do amor trobadoresco, unha panorámica do sentimento amoroso experimentado pola voz poética masculina, cuxa xénese vén dada precisamente pola contemplación da senhor. Este estudo vai acompañado do comentario retórico e literario de cada unha das trinta e tres composicións, así como da súa fixación textual, realizada seguindo as tendencias "neo-lachmanianas" e outras achegas actuais e significativas da crítica textual.

 

O cancioneiro de Don Denis, composto por cento trinta e sete cantigas, fai del o trobador máis prolífico da nosa poesía medieval, mais este destaca tamén cualitativamente, debido á unión nas súas composicións da tradición poética previa con elementos innovadores, así como polo diálogo que establece con outras escolas, sobre todo a provenzal. Neste sentido, o presente traballo pretende pór en relevo a singularidade da produción lírica de don Denis dentro da homoxeneidade formal que caracteriza a nosa poesía medieval, ponderando, de por parte, o seu papel como o último grande monarca da escola trobadoresca galego-portuguesa, feito que redundará no (re)coñecemento, recuperación e valoración do noso patrimonio cultural e literario.

 

B 506 (fol. 112v. a); V 89 (fol. 9r. a/b). Cantiga de amor, do tipo de refrán