Actualidade


Cen anos das Irmandades da Fala
1 de abril de 2016
A Coruña

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organizan varias conversas arredor das Irmandades da Fala, para celebrar o centenario da súa fundación.


A primeira Irmandade dos Amigos da Fala converteuse en realidade o 18 de maio de 1916 na cidade da Coruña, no local que daquela tiña a Real Academia Galega na rúa Rego de Auga. O seu obxectivo era a defensa da lingua galega, da cultura e do país; en pouco tempo, este xermolo estendeuse por outras cidades: Santiago, Monforte de Lemos, Vilalba, Ferrol, Vigo, Lugo, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Ourense, Madrid, La Habana etc.

 

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, coa colaboración da Deputación da Coruña, organiza os xoves de marzo, abril e maio as “Conversas en Irmandade”, un total de sete conversas para saber máis sobre os e as protagonistas que integraron e fundaron as Irmandades da Fala.  

 

Un dos convidados a esta iniciativa é o profesor Carlos Caetano Biscainho-Fernandes, membro do Grupo ILLA, que presentará o 14 de abril, ás 20h, no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a comunicación “E o teatro fixo país”. Vicente Risco afirmaba: “Temos direito a esixir dos nósos autores que nos dean galeguismo, modernidade y-emoción”, mais cumpría que ese teatro chegase a todas as camadas sociais sen despreciar o que se tiña feito até entón, porque o obxectivo final era construír unha institución para o país: o teatro nacional galego.

 

Tamén intervirá a profesora Goretti Sanmartín Rei, colaboradora externa do Grupo ILLA, o 12 de maio, cunha charla sobre os irmáns Villar Ponte, Antón e Ramón.