Actualidade
O profesor Xosé Manuel Sánchez Rei, membro de ILLA, vén de publicar Traditional Galician Cancioneiro Compiled by Cipriano Torre Enciso, en colaboración con Catalina T. Castillón (Lamar University, EUA).
A obra, publicada por The Edwin Mellen Press, recolle os case 7.000 cantares colixidos por C. Torre Enciso na segunda metade do século XX (vol. 2), precedidos dun encadramento literario-cultural elaborado por Catalina T. Castillón (vol. 1, páxs. 1-40) e dun estudo lingüístico feito por Xosé Manuel Sánchez Rei (vol. 1, páxs. 40-341).
Unha das características máis notábeis desta colección de textos tradicionais é o facto de o colector incluír textos de orixe portuguesa, os cales foron adaptados por el para os versionar en galego. Tamén merece subliñarse a circunstancia de incorporar cántigas datadas en diferentes períodos históricos (séculos XVIII, XIX, e XX). En definitivo, o número de poemas e a súa diversa procedencia sen dúbida fan deste cancioneiro un dos máis importantes de todos os publicados até ao momento.
Xosé Manuel Sánchez Rei & Catalina T. Castillón: Traditional Galician Cancioneiro Compiled by Cipriano Torre Enciso, 2 vols. Vol. 1, Studies (369 páxs.). Vol. 2, Edition (895 páxs.). Lewiston-New York (USA) & Lampeter-Cerdigion, Wales (UK): The Edwin Mellen Press [ISBN 978-1-4955-0743-4].