Actualidade


Novo libro de Xosé Manuel Sánchez Rei
Maio 2020

O profesor Xosé Manuel Sánchez Rei, membro de ILLA, vén de publicar Xosé Seivane. A gaita con maiúscula.


A obra, publicada pola Editorial Canela (A Coruña) en finais de 2019 mais que só agora conseguiu distribuírse, desenvolve un pormenorizado estudo da vida do ilustre artesán de instrumentos Xosé Seivane desde o seu nacemento na Fomiñá (A Pastoriza, Lugo) até aos seus últimos anos en Cambre (A Coruña). Neste traballo, Xosé Manuel Sánchez Rei aprofunda nos momentos máis importantes do percurso vital de Seivane póndoos en relación coa situación cultural, literaria e musical da altura, para alén de incluír un subcapítulo dedicado aos trazos gramaticais e lexicais da área de procedencia de Seivane, isto é, a faixa oriental do país. O libro, que conta coa colaboración dos fotógrafos Vicente Ansola e José Manuel Salgado, inclúe, entre outras seccións, unha mostra de máis de 40 melodías tradicionais transmitidas ou compostas por Xosé Seivane, algunhas das cales deitan as súas orixes en finais do século XIX; todas elas foran analizadas e criteriosamente transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas.

En resumo, pódese afirmar que as máis de 460 páxinas do libro proporcionan unha información exhaustiva sobre a relevancia cultural e musical do artesán, ao paso que tamén fornecen datos sobre o contexto cultural e histórico da Galiza no tempo da vida de Seivane (1921-2012).

Xosé Manuel Sánchez Rei: Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, 468 páxinas. A Coruña: Editorial Canela [ISBN 978-84-09-18850-3]

https://editorialcanela.gal/catalogo/xose-seivane-a-gaita-con-maiuscula