Actualidade


Celebrado o congreso 'Fóra de lugar. Corpos (In)tanxibles nas culturas minorizadas da península ibérica. Literatura, cinema e arte'
Novembro 2019
Varsovia (Polonia)

No encontro analizouse como a produción literaria, artística e cinematográfica catalá, galega e vasca conceptualiza, desde o enfoque corporal, a alteridade.


Ao longo das sesións e mesas redondas reflexionouse sobre os modos de representación e construción da idea do Outro/a desde a perspectiva das culturas minorizadas, como é reutilizado ese concepto para a afirmacións das identidades propias e, tamén, sobre como as culturas dominantes inscriben a outridade nas culturas minorizadas. As reflexións centrais do congreso xiraron arredor da análise de exemplos de utilización do(s) corpo(s) como elemento central para a representación da alteridade.

Entre as persoas que participaron no congreso cabe citar as directoras Iratxe Fresneda, Margarita Ledo Andión e Eva Vila, así como investigadoras e investigadores como Danny Barreto (Colgate University), Garbiñe Iztueta Goizueta (Instituto Vasco Etxepare / Universidade do País Vasco), Alfons Gregori (Universidade Adam Mickiewicz en Poznań), Attilio Castellucci (Universidade de Roma-La Sapienza), Katarzyna Moszczyńska-Dürst (Universidade de Varsovia), entre outros.

O grupo ILLA fai parte das institucións que apoiaron este evento e estivo representado pola profª Carme Fernández Pérez-Sanjulián, membro do comité científico e participante no congreso.